-BANDA DESEÑADA

O Gran Sucesor.

Por Xabier Sobrado

A finais do ano 1984, publícanse en Xapón as primeiras andaduras dun manga (banda deseñada típica xaponesa) de aventuras e artes marciais chamado Dragon Ball. Conta a historia de Son Goku, un estrafalario rapaz que, ademais de teren un rabo coma o dun mono, ten unha forza física e de vontade realmente sobrehumanas. Este atópase con Bulma, unha rapaza pouco maior que el que é un auténtico xenio da enxeñería. Ambos comezan unha aventura na busca das bolas de dragón, sete reliquias máxicas que conceden o desexo que sexa a aquel que as reúna. No transcurso desta historia, Son Goku vai sendo máis e máis forte, e coñece a moitos amigos, dos cales unha gran parte (O mestre Mutenroshi, Piccolo, Vexeta, Krilin, Yamcha...) aínda pervive na retina de varias xeracións de mozos galegos, xa que, como moitos saberedes, a versión animada deste manga foi emitida mil e unha veces pola TVG no xa mítico espazo televisivo Xabarín Club. No seu país, Dragon Ball foi un fenómeno de masas sen parangón, e transformouse no manga máis vendido da historia coa incrible cifra de máis de 160 millóns de copias vendidas. Si, señores, Dragon Ball vendeu máis exemplares que "O Hobbit", "O Señor dos Aneis" ou "O Principiño".  Ademais, Dragon Ball foi quizais o máis importante da historia á hora da introducción do manga en países fora de Xapón. 

No apartado máis estritamente técnico Dragon Ball tamén foi importante, en parte polo deseño das súas personaxes, pero, sobre todo pola incrible habilidade do seu autor, o mestre Akira Toriyama, de facer que as personaxes parezan cobrar vida nos momentos das batallas. Realmente é incrible o dinamismo que lles da aos debuxos.
Despois de 11 anos, no 1995, Dragon Ball rematou, deixando tras de si un culto enorme, que fai que a día de hoxe, o seu autor Toriyama sexa tan famoso en Xapón que as forzas de seguridade de Tokio deben estar alerta de cando o citado autor vai á cidade.
Para moitos fans de todos os recunchos do mundo acabara a diversión. Son Goku desaparecera, e con el o seu espírirto de superación e a súa bondade extrema. 
No ano 1997, un autor amante de Dragon Ball e da obra de Toriyama en xeral, comezou unha serie de manga de piratas chamada One Piece. Nun principio, a serie tivo éxito pero non en exceso.
A comezos do século XXI, os amantes da diversión en forma de manga xa comezaban a dar por feito que, nin Dragon Ball ía volver, nin ningunha outra serie ía recoller o testigo que deixara. Pero un manga que comezara a súa publicación uns anos atrás empezou a coller máis e máis fama, e, evidentemente, máis lectores. One Piece, debuxado e guionizado por Eiichiro Oda, estalou coma unha bomba de reloxo e, dende o ano 2007 nunca perdeu o título de manga máis vendido do ano, e estrapolando, podemos dicir e afirmar que dende 2007 é o cómic máis vendido do mundo. A día de hoxe, One Piece é o manga máis vendido da historia con máis de 250 millóns de tomos nas mans dos lectores. Tamén tivo e ten unha adaptación animada, a cal tamén puidemos disfrutar no Xabarín Club. Polo momento hai uns 90 episodios dobrados ao galego. Moitos sociólogos xaponeses afirman que One Piece está a ser un fenómeno social de categoría semellante á de Dragon Ball. Con Luffy, Zorro, Nami, Sanji, Ussop...etc. One Piece devolveu a ilusión polas aventuras e a fantasía a milleiros de lectores. Podo dicir, que, Monkey D. Luffy é o gran sucesor de Son Goku.

Ningún comentario:

Publicar un comentario